Sunday 28 de April de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña arranca setembro con contacontos e formación no acceso aos seus recursos


— Tamén haberá exposicións centradas nas figuras de Xela Arias e de Fernando Fernán Gómez

— Neste mes ábrese a inscrición para os diferentes clubs de lectura que se desenvolven durante o ano

A biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés, xestionada pola Xunta, retoma a actividade para todos os públicos este mes, con sesións de contacontos para a cativada, formación sobre o uso da plataforma de préstamo GaliciaLe e mostras dedicadas a Xela Arias e a Fernando Fernán Gómez, entre outras propostas. A información de todas as iniciativas e a maneira de participar nelas pode consultarse na web do centro.

Así, o público infantil poderá gozar de tres actividades específicas. A primeira delas, para bebés de ata 3 anos, terá lugar o día 11 ás 12,00 horas, con PequeNiños de Chus Álvarez. Trátase dun espectáculo que mestura contos con diferentes técnicas de narración oral.

Pola súa banda, a rapazada de 4 a 12 anos é a destinataria das sesións dos sábados 18 e 25, con Historias delirantes de nenos e nenas fascinantes, de Ernesto Is, e Contos que saben a Gloria, da man de Olga Cuervo. A proposta de Ernesto Is ten como protagonistas a Simón, Antía e Xoán, con moito que contar e segredos que agochar. Olga Cuervo centra o seu espectáculo no achegamento á figura de Gloria Fuertes, para o que utilizará diferentes obxectos, vestiario e música.

Formación no acceso aos recursos
As actividades dirixidas ao público adulto céntranse este mes na formación, con dúas sesións dedicadas a afondar na utilización e vantaxes da plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato dixital das bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe. Desenvolveranse o martes 21 ás 11,00 horas, e o xoves 30 ás 16,00 horas. As persoas asistentes poderán utilizar os seus propios dispositivos na aprendizaxe.

Nesta liña formativa enmárcase tamén a actividade Aprende a usar a biblioteca, que se realiza cada mércores ás 16,00 horas. A través dela capacítase no uso dos servizos do centro e no acceso ás fontes de información, co obxectivo de facilitar o mellor uso dos recursos dispoñibles. O programa de visitas guiadas organizado os martes e xoves ás 12,00 horas completa esta formación, cun percorrido polas instalacións a prol do seu mellor coñecemento e aproveitamento.
Outra das propostas para setembro é a presentación do libro Mi querido rey Abdullah, de Rosy Sarmiento, finalista da primeira edición do Certame de Novela Célebre Internacional. No evento, previsto para o venres 3 ás 19,00 horas, participarán a escritora e correctora Silvia Barbeito, a artista e bailarina de danza oriental Rosa Salanova, e o editor de Célebre Editorial Ricard Pérez Braña. A escritora Ana Julia Martínez Fariña presentarao.
Achegamento a Xela Arias e Fernando Fernán Gómez
A autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, e o actor, director e escritor Fernando Fernan Gómez protagonizan as exposicións programadas para setembro. Esta última está xa instalada desde a pasada semana na sala de medios audiovisuais, onde permanecerá ata o 20 de novembro. Con ela conmemórase o centenario do nacemento dun dos grandes referentes do cinema español.

Finalmente, o 15 de setembro chega a este centro bibliotecario a mostra itinerante Asinamos ser libres, promovida pola Xunta no marco do Día das Letras Galegas e centrada na figura de Xela Arias. Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, a mostra componse de dez paneis nos que se combinan texto explicativo e fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia. Como resultado, a instalación ofrece un amplo percorrido pola vida e as diferentes vertentes profesionais e culturais que abrangueu a escritora. Poderá visitarse ata o 14 de outubro.
Cómpre sinalar tamén que, como é habitual, neste mes arrancan as inscricións nos diferentes clubs de lectura que se desenvolven durante o ano. Así, a partir do 27 de setembro, na secretaría da biblioteca ou a través da súa páxina web será posible inscribirse nos clubs de lectura dos luns, que se reúnen cada quince días, ou dos mércores, con sesións semanais. Tamén hai o club de lectura en galego, que se desenvolve os xoves alternos, de lectura feminista, un venres ao mes, e de lectura fácil, os sábados alternos. Todos eles están dirixidos ao público adulto.